DESCUBERTA A DECORACIÓN ORIXINAL TRAS A CUSTODIA DE MOURE

A piques de rematar a restauración da parte traseira da custodia de Moure, ata agora cuberta cun raso avermellado, podemos alegrarnos de devolver ao retablo de Moure a súa decoración primeira.

Nun primeiro momento, ao retirar o pano que cubría o fondo apareceu unha superficie empapelada en papel de estraza e encolado á parede. Por algúns indicios entendeuse que baixo ese papel podería haber algunha decoración ao parecer azul, Ao retirar a restauradora D. Vania López o papel, efectivamente apareceu unha especie de ceo cheo de pequenas estrelas. Pero este ceo pintado, aínda deixaba entrever outra decoración máis primitiva que decidimos devolver á luz, xa que é a decoración orixinal e primeira, de mediados do S. XVII e que outorga importancia ao conxunto do retablo ao devolvelo ao seu primeiro deseño.

Aproveitouse ademais a restauración e a retirada da custodia de nogueira para introducir unha peza de madeira tapando as pedras irregulares da mesa do altar e que obrigaban á custodia a estar a repousar de forma indebida todo o seu peso. Agora coa nova tapa do altar darase estabilidade ao conxunto.

Engadimos algunhas fotos do proceso que por non ter espazo suficiente para fotografar son case sempre fotos parciais ou semitapadas polas estadas, pero basten para dar testemuño dunha obra a piques de rematar en favor da xoia de D. Francisco de Moune en Monforte, é dicir o retablo maior da igrexa.