OS MEDIOS FANSE ECO DA NOVA ILUMNACIÓN DA PINACOTECA

FRANCISCO ALBO
01/07/2020 – (La Voz de Galicia)

A pinacoteca do Colexio da Compañía de Monforte de Lemos xa conta cun novo sistema de iluminación que foi deseñado co obxectivo de facilitar aos visitantes a contemplación das valiosas obras de arte que garda e tamén de garantir a súa conservación. Os focos que estaban situados na parte superior da sala foron retirados no seu maior parte e substituídos por outras fontes de luz que apuntan directamente aos cadros. «A instalación fíxose de tal maneira que agora a luz parece saír das propias pinturas, que gañaron vistosidade e pódense apreciar moito mellor que antes», sinalou o profesor e sacerdote Javier Augado, presidente do padroado do colexio.

A nova iluminación aplicouse a todos os cadros, entre os que destacan dous lenzos orixinais do Greco —un San Francisco e un San Lorenzo— e cinco óleos sobre táboa de nogueira que son antigas copias doutras tantas obras do pintor renacentista italiano Andrea do Sarto, coas figuras de san Pedro, san Juan Bautista, santa Catalina e santa Margarita e santa Inés. Tamén se renovou a iluminación das vitrinas da sala, que conteñen imaxes relixiosas, pezas bibliográficas, obxectos de uso litúrxico e outros elementos. As teas claras que servían de fondo a estas vitrinas foron substituídas por outras de cor escura para que se poidan contemplar mellor as pezas que conteñen. As fontes de luz que utiliza agora a pinacoteca son de tecnoloxía led sen radiación ultravioleta nin infravermella, cunha disipación térmica mínima, seguindo as normas recomendadas actualmente para a iluminación das pezas artísticas desta clase.

Na nova instalación investíronse preto de 35.200 euros, dos que un 20% foron achegados pola fundación do colexio. O resto do financiamento conseguiuse grazas a un acordo coa Axencia de Turismo de Galicia e o Instituto Enerxético de Galicia.