ALGUNHAS CURIOSIDADES DO COLEXIO

Cóntanos o  P. Esteban Martínez, no seu libro sobre o Colexio de  Nª  Sª da Antiga que para a boa organización e marcha do Colexio, tras a expulsión dos PP. Xesuítas de Monforte por orde  de Carlos III, a Señora Condesa de Lemos, Dª Rosa María de Castro, encargou ao seu  confesor, Doutor D. Melchor  Borruel, a elaboración dunhas “Constitucións ou Regulamentos”, que servisen de norma e guía para o desenvolvemento da vida escolar. Soubo reflectilos nos 34 capítulos de que constan ditas “Constitucións ou Regulamentos”. Chaman a atención pola súa rixidez e esixencias, que, para unha mentalidade moderna, parecerían demasiado rigorosas e case inhumanas, pero era o usual naqueles tempos.

Para ilustrar o devandito, copiamos algunhas das disposicións que máis reflicten a mentalidade dos tempos en que se escribiron.

No capítulo segundo contéñense as obrigacións dos alumnos, tanto internos como externos, di así:

  • 1°) Os nenos das Escolas, os  Gramáticos, os Filósofos e  Teólogos concorrerán todos os días aos exercicios literarios ás horas sinaladas, e coa maior puntualidade, á Misa do Seminario, así os días de estudo como os de festa e  feriados.
  • 2°) Ao toque de oracións recolleranse ás súas casas e non volverán saír delas ata o día seguinte; non ocorrendo algunha urxencia que o faga preciso e indispensable.
  • 3°) Prohíbeselles rigorosamente todo xogo de naipes;  tabas e dados; e só se lles permite que; nos días de festa e  feriados; pola tarde; poidan divertirse a xogos lícitos e honestos no Campo do Colexio e non noutra parte.
  • 4°) Védaselles igualmente a entrada en tabernas, fornos, e casas sospeitosas.
  • 5°) Así mesmo, prohíbeselles ter cans de caza; escopetas; pistolas e calquera outro xénero de armas.

Como vemos as preocupacións daqueles tempos eran outras pero vese a preocupación polo ben dos alumnos e os seus bos costumes….

Tú carrito