AS REIXAS DA CAPELA DAS RELIQUIAS NO SEU LUGAR E COMO NOVAS

Estes días e aproveitando as obras de restauración da igrexa procedeuse á restauración da  rexería da Capela das Reliquias, do século  XVII. Esta  rexería confeccionada en forxa e coas diferentes pezas unidas soamente por remachado, sen soldadura algunha, estaba bastante deteriorada pois os  engastes dos barrotes que a compoñían cederan, as reixas estaban descolgadas e con serio perigo de desmontarse por falta da solidez requirida nas devanditas unións.

A empresa Forxa de  Chago, especializada en restauración de elementos de ferro antigos, -acaban de restaurar todas as reixas da catedral de Santiago-, foi a empresa designada para devolver á nosa  rexería a súa consistencia e a súa funcionalidade, cousa que se fixo coas mesmas técnicas antigas, sen emprego de ningún tipo de soldadura moderna.

Descubriuse que antigamente os barrotes tiveron elementos dourados, polos restos que quedan do dourado e  policromía.

Restauraron mesmo a antiga fechadura, a orixinal levaba máis dun século sen funcionar, confeccionando unhas novas chaves, daquelas de medio quilo en puro ferro forxado.

Cunhas fotos ilustramos a renovación da rexería, que quedou como nova.