Hai días falabamos nunha entrada desta WEB da inscrición que hai sobre a porta da igrexa. Engadimos algo sobre ela que pode resultar de interese para os nosos lectores.
Tras a expulsión dos Xesuítas de Monforte por orde de Carlos III, o Fiscal da súa Maxestade Don Pedro Rodríguez Campomanes, ordenou que se borrasen, todas as armas emblemas e símbolos da Compañía de Jesús, coa obrigación de poñer no seu lugar as “Reais Armas da Coroa”.
Era, por entón, Corrixidor de Monforte D. Bernardo Cayetano Losada e Somoza, quen foi comisionado polo Goberno para ocuparse dos asuntos desta “Real Casa de Educación” e asumiu con empeño o encargo de facer desaparecer os escudos, emblemas e símbolos da Compañía que borrou…
– o anagrama dos xesuítas das dúas portas principais da fachada,
– da parte superior interna das portas que comunican a igrexa cos dous claustros,
– do altar maior
– do púlpito
– e de catro rosetones da bóveda do claustro principal.
Existe unha tradición entre os monfortinos, segundo a cal este Comisionado do Goberno, despois de borrar todas as insignias dos xesuítas que puido, quixo, mesmo, borrar a inscrición que existe, aínda que un pouco deteriorada, sobre a porta principal da igrexa, pero, cando empezaba a súa obra destrutora, un señor do pobo, ao ver o que quería facer o Comisario, non puido conter a súa indignación, achegouse resolvido a impedirllo, tirando da escaleira onde se atopaba subido, ocasionándolle unha estrepitosa caída, con gran dano da súa integridade física.
#Ante este feito, dividíronse as opinións en dous bandos contrarios e producíronse algunhas desordes, pero a inscrición non chegou a borrarse, podéndose apreciar, aínda, algún dano ocasionado en tal intento.