Cóntanos o P. Esteban Martínez, no seu libro sobre o Colexio de Nª Sª da Antiga que para a boa organización e marcha do Colexio, tras a expulsión dos PP. Xesuítas de Monforte por orde de Carlos III, a Señora Condesa de Lemos, Dª Rosa María de Castro, encargou ao seu confesor, Doutor D. Melchor Borruel, a elaboración dunhas “Constitucións ou Regulamentos”, que servisen de norma e guía para o desenvolvemento da vida escolar. Soubo reflectilos nos 34 capítulos de que constan ditas “Constitucións ou Regulamentos”. Chaman a atención pola súa rixidez e esixencias, que, para unha mentalidade moderna, parecerían demasiado rigorosas e case inhumanas, pero era o usual naqueles tempos.
Para ilustrar o devandito, copiamos algunhas das disposicións que máis reflicten a mentalidade dos tempos en que se escribiron.
No capítulo segundo contéñense as obrigacións dos alumnos, tanto internos como externos, di así:
- 1°) Os nenos das Escolas, os Gramáticos, os Filósofos e Teólogos concorrerán todos os días aos exercicios literarios ás horas sinaladas, e coa maior puntualidade, á Misa do Seminario, así os días de estudo como os de festa e feriados.
- 2°) Ao toque de oracións recolleranse ás súas casas e non volverán saír delas ata o día seguinte; non ocorrendo algunha urxencia que o faga preciso e indispensable.
- 3°) Prohíbeselles rigorosamente todo xogo de naipes; tabas e dados; e só se lles permite que; nos días de festa e feriados; pola tarde; poidan divertirse a xogos lícitos e honestos no Campo do Colexio e non noutra parte.
- 4°) Védaselles igualmente a entrada en tabernas, fornos, e casas sospeitosas.
- 5°) Así mesmo, prohíbeselles ter cans de caza; escopetas; pistolas e calquera outro xénero de armas.
Como vemos as preocupacións daqueles tempos eran outras pero vese a preocupación polo ben dos alumnos e os seus bos costumes….