No centro da fachada e sobre a porta da igrexa áchase a dedicatoria que pretende explicar a existencia e destino do Colexio de Nª Sª da Antiga. A inscrición reza así:
RODER, CARD´ DECASTRO AR
CHEP HSPS TEMPLUM VIRGI
NIN MAR COLEG SOCIET.JES. IN
M USZUM IVVET. UT DOTAVIT.

O P. Esteban no seu magnífico libro sobre o colexio de Nº Sª da Antiga fai a seguinte tradución:
O Cardeal D. Rodrigo de Castro; Arcebispo de Sevilla, doa á Compañía de Jesús para uso da mocidade amorno e colexio consagrados á Virxe María.
Esta tradución é algo libre e omite algún elemento e engade outros que na dedicatoria non aparecen. Así, o tratamento de “Don” ao Cardeal non parece xustificarse desde a propia inscrición, así como a “consagración” de templo e colexio á Virxe María. Tampouco queda aclarada a abreviatura “ M” do final da terceira liña. Enténdese ademais que polo reducido do espazo e a visibilidade que ha de ter o texto desde a altura da rúa omítanse algunhas partículas e abrevíense palabras, o que ao final acaba provocando a dificultade na interpretación do texto.
Sobre o “Don” é sen dúbida un engadido do P. Esteban xa que non aparece na inscrición nin é habitual antepoñelo ao nome dos cardeais. Igualmente, a idea da “consagración” do templo non parece estar xustificada no texto.
Sobre a “M” ao final da terceira liña, vemos que vai precedida da partícula IN, que traducida por “EN” ábrenos a dúas explicacións:
- Pode facer referencia a un lugar. Se isto é así, a “M” estaría a representar un lugar e non cabe outra explicación neste caso que facer referencia a “Monforte”.
- Outra explicación con máis posibilidades explicaría a intención da dedicatoria e teriamos que ver tras a “M” a palabra latina Memoriam. IN MEMORIAM, isto estaríanos dicindo que a inscrición é unha invitación para lembrar ao Cardeal polo que fixo.
Por tanto, atrévome a suxerir unha nova tradución da devandita dedicatoria, que sen variar moito no esencial do indicado polo P. Esteban creo que se axusta máis á literalidad desta fermosa inscrición en pedra. Sería así:
En latín:
R0DERICUS CARDINAL DE CASTRO, ARCHIEPISCOPUS HISPALENSIS, TEMPLUM VIRGINI MARIAE COLEGIUM SOCIETATIS JESUS IN MEMORIAM USUM IUVENTUTEM UT DOTAVIT
A primeira opción máis probable e entendible
En memoria de Rodrigo, Cardeal de Castro, Arcebispo de Sevilla, que doou á Compañía de Jesús o Templo da Virxe María e o Colexio para uso da mocidade.
A segunda opción, menos probable, sería
Rodrigo, Cardeal de Castro, Arcebispo de Sevilla, que doou á Compañía de Jesús en Monforte o Templo da Virxe María e o Colexio para uso da mocidade.