No texto denominado “Breve relación das festas que o colexio da Compañía de Jesús de Monforte fixo na consagración da igrexa nova…” Lese o seguinte ao referirse á Igrexa: “…saíu tan perfecta e acabada en todo que para pintarse fose mester relación particular e máis longa que a das festas que na súa consagración fixeron.”
Sen pretender encher moitos folios na súa descrición, Miguel Angel Feal Antelo, no seu traballo sobre o Colexio de Nª Sª da Antiga describe así a Igrexa:
“É do estilo chamado jesuítico, inspirado no Gesú de Roma, a igrexa nai dos xesuítas. A súa planta é de cruz latina de brazos pouco desenvoltos.
A nave central, de 33,80 x 9,25 metros, con bóveda de medio canón, adornada con profusión de casetones. Sobre el ábrense unhas lunetas para deixar espazo libre ás xanelas que dan paso á luz. A altura desta nave central é de 20,80 metros.
O presbiterio, de forma rectangular, ten 9,25 metros de ancho e 6,20 de fondo, elevándose 0,75 metros sobre o pavimento da Igrexa. As naves laterais, de 22,70 x 5,20 metros, con galería superior pechada e capelas intercomunicadas, abertas á nave central mediante tres arcos flanqueados por pilastras compostas, con capiteis corintios. No cruceiro destaca unha cúpula de media laranxa, rematada cunha fermosa lanterna con seis grandes xanelas. A altura da cúpula é de 36 metros e o seu diámetro ten 10 metros. A igrexa foi terminada por Simon de Mosteiro no ano 1619.
A cúpula e o lucernario ou lanterna sufriron deterioracións co paso do tempo, e sobre todo, a causa do terremoto de Lisboa de 1753. No ano 1786 reparouse o cimborrio da cúpula que ameazaba ruína, e en 1841 reparouse tamén o cupulín. Outro tanto sucede coas dúas torres, construídas por Simón de Mosteiro, que se alzan nos dous extremos da cabeceira da igrexa como gardando a Capela Maior, e que están como absorbidas pola masa do edificio. As súas proporcións deberon ser ademais un tanto minguadas respecto das trazas primitivas. De dous corpos, co segundo decrecente, dividido por unha balaustrada que se repite no último corpo, separándoo da media laranxa que as acaba, imitáronse logo ben que incorporándoas á fachada dentro dun tipo italianizante que serviu de modelo a todas as galegas do século XVII. O seu modelo é o valisoletano e escurialense, en que as columnas redondas do Renacemento simplificáronse atrevidamente en pilastras ou faixas verticais. Os seus volumes, aquí un tanto pesados, só están rotos polo único arco de medio punto das súas caras lisas, sen os fermosos paramentos de casetones rehundidos e resaltados do seu prototipo.”