Mosteiro? Convento? Colexio?

O Colexio do Cardeal

Observamos que o edificio do Colexio do Cardeal ou de Nª Sª da Antiga, é denominado de varias formas, a maior parte incorrectas. Non hai máis que navegar por internet e veremos que nos denominan como MOSTEIRO ou CONVENTO, ás veces COLEXIATA… Todas esas formas son incorrectas.

• Un MOSTEIRO é o edificio onde viven os membros das Ordes monásticas: formadas por monxes ou monxas quen vive e traballan no mosteiro son de clausura e están ligados ao mosteiro para sempre, entre estas Ordenes podemos citar a Benedictinos, Cistercienses, Trapenses, Clarisas….

• Un CONVENTO é a casa das Ordes mendicantes, habitada por frades ou irmás quen ten participación activa no apostolado e viven das esmolas. Entre eles están os Franciscanos, Dominicos, Agostiños e algunhas das súas ramas femininas.

• Unha CASA é onde viven os Clérigos Regulares en comunidades formadas por sacerdotes que viven baixo unha regra -de aí a denominación de regulares-, con votos solemnes, e teñen un apostolado máis activo e concreto. Neste caso están Jesuítas e Escolapios, as dúas ordes que viviron e traballaron en Nª Señora da Antiga.

O Colexio Nª Sª da Antiga fundouse, desde o primeiro momento en 1593, como un COLEXIO, cunha casa de relixiosos que o atendían. O esencial é o Colexio e por tanto a denominación adecuada é a de COLEXIO. Sendo ademais un dos colexios máis antigos de Galicia e probablemente o máis antigo funcionando na actividade para a que se creou. Nunca foi mosteiro nin convento.

Denominemos pois ao noso edificio ou ben como COLEXIO DO CARDEAL, denominación popular, pero válida, ou co seu nome oficial COLEXIO DA NOSA SEÑORA DA ANTIGA. Nunca convento nin mosteiro.